Déjà vu

Robert E. Lee, xeneral emblemático da Confederación, non quería romper cos Estados Unidos, loitou contra eles por lealdade a Virginia e acabou presidindo un centro universitario; faimo lembrar Carlos Aymerich ultimamente. Paco Rodríguez -ou a consternación suposta- figúraseme un Casares Quiroga que minusvalorara riscos e a determinación do seu opoñente; se cadra aquí son eu o iluso. A historia dá ben como relato interesante que aínda serve para adiar compromiso; pero estes días, manifestamente derradeiros, véñenlle a un imaxes do pasado como síntoma ou hipótese de futuro. Nin saudade nin agoiro de bucle fatal, non haxa engano.
ERGA
Era unha entidade escolar, aínda que na xénese e primeiro momento influíra moito un obreiro retornado con experiencia comunista da Arxentina. 1973. Nas asembleas universitarias, aqueles galegofalantes eran mesmo reprendidos por tal comportamento, e a esquerda española facía profesión ou pose de non tomalos moi en serio. Inicialmente a organización non se mostrara moi aberta como tal, a min negáranme entrada por cristián, nada menos; pero eses estudantes galegos, revolucionarios e nacionalistas, sabían ben que era clave dirixirse aos compañeiros en termo comprensible e propondo abordar os problemas concretos de cada curso e centro; marcouse a diferenza con outras forzas e ERGA multiplicouse nun par de bienios.
CXTG
A Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos parecía a comezo dos oitenta culminar un proceso constituínte; nas eleccións do 1982 acadara máis de mil seiscentos delegados. Pero había diferenzas de vulto no interior da súa dirección: unha poderosa corrente -orixinada no ámbito da UPG, logo expulsados do partido-, defendía un sindicalismo que non fose correa de tranmisión partidaria; e a afiliación conferiulles maioría neta nas direccións de zona de Vigo, Santiago e Lugo. A UPG resolveu expulsar os membros de tales organismos e de aí, talvez inesperadamente para os depuradores, veu unha forza sindical nova sen ningún desastre: no 1984, a INTG obtivo sobre mil sesenta delegados e a CXTG sobre mil oitenta.
1989
O BNG acada cinco deputados nas eleccións galegas e Manuela López Besteiro ponlle voz en Lugo á estrañeza de moitos; á fin e ao cabo, o Bloque era considerado elemento marxinal, case extraparlamentario, desde o centro do sistema. Non é nada: catro anos despois, serán trece escanos, xa o PP se alarma e afrontará aquela enxurrada, de primeiras máis ben atoutiñando. Fronte a escépticos e abraiados, Beiras proclamará as aínda maiores posibilidades, haberá progreso deica a fin da década e aí xa a cousa foi parando. Non sen froito: con todos os teitos electorais rebentados, o país pasou de ver o soberanismo como opción de catro tolos a un grupo numeroso onde se sabe gobernar.
No día de hoxe, tralo acontecido onte, o suxeito galeguista mira tanto ao futuro que a rememoración talvez pareza estorbo. Pero hai quen declara un pesar non paralizante, ao tempo que outros agoiran ou temen catástrofes diversas. Un, con trinta e oito anos de experiencia vinculada, non pode alegrarse pero si sentir determinado alivio. E, de momento, ningún, ningún temor.
2012-02-13 at 12.08 p.m.
Só indicar que tamen na zona de Ferrol os disidentes da INTG e fundadores da CXTG tamen eramos maioría, sen paliativos. A loita da reconversión tiña dado papel relevante a sindicalistas que non tiñan ataduras partidarias e foi un proceso que creou multitude de novos cadros. Tamen sí a grande presencia do SGS, as xentes da sanidade, mui activo e representativo en Ferrolterra, que en bloque apoiou o novo Sindicato, mentras a INTG, pesia a manter a toda a xente do BNG daquela, ficou nunha posición minoritaria na militancia e no apoio dos traballadores
2012-02-13 at 2.13 p.m.
A moi escasa páxina da Galipedia reflicte que a CXTG, episodio non menor do sindicalismo galego, está sen historiar; oxalá iso non dure, porque experiencias de anovamento coma a ferrolá que vde. refire son ben interesantes. Lembro ben a Xosé Díaz, como tamén a incidencia de Muruzábal na Coruña. Aquí, só facía referencia a aqueles procesos de purga interna e o protagonismo das tres direccións de zona que posiblemente facían máis, digamos, ruído; eu mesmo formaba parte da de Lugo. Grazas pola precisión e un saúdo.