A fermosura do caravel (IV)

                            Fonte

 

Puido ser no contorno daquel día, ou se cadra en maio polas Letras, cando dirixín no instituto un discofórum sobre el: puxen discos, fixen comentarios para un grupiño de alumnos e algúns profesores; o Torreira -estaba empeñado- levou unha guitarra para quen fora cantante (eu) e houbo que botarlle unha, supoño que a de sempre. Na trintena da miña vida saíra do primeiro plano a música, e mal ou nada lle souben da serenidade esperanzada e outonal (Como se fora seu filho) ou permanencia do adufe (Galinhas do mato); nin da esclerose lateral amiotrófica ata case o final.

 

A miña afección comezara talvez a pouco do abraiante abril de fusís e caraveis. 1974, logo, pois el e Luís Cília eran as voces sobranceiras; había outros: Fanhais, Godinho, José Mário Branco…, pero só un fusionaba pobo, tradición, talento e revolución en amálgama artística singular e diversa. Algúns acababamos de chegar ao nacionalismo anticolonial galego na xeración de entre o cortello e mailos Beatles. Coñecemos, a posteriori de gravada, a onomatopea de camiño vello e coro de mozas (Cantares de andarilho); tamén a voz feminina que tanto lle imitaba á da veciña nunha aldea calquera de parentes (Contos velhos rumos novos); sintonía posterior en noite compostelá (Traz outro amigo também); case vertixe de acordeón e doncelas, coa nai ao lonxe (Cantigas do Maio); o pintor descoñecido na curva dunha estrada (Eu vou ser como a toupeira); e, xa na volta do camiño estilístico, moito surrealismo a ritmo de Michel Delaporte (Venham mais cinco).

 

A partir do 74, o cantor permaneceu telúrico (Coro dos tribunais), activista (Com as minhas tamanquinhas), desafiante (Enquanto há força). Vino e oíno nunha festa do Avante! e outra vez, paréceme que en Santiago. A relación con este país foi grande (Fura fura), recuperou as fitas e aí coñecín eu a outra parte da historia (Fados de Coimbra e outras Canções). Cando lle andaba preto o final.

 

Foi home de partido social e político, sen sigla nin moito paraugas. A pouco de el morrer, merquei unha casete nun bar de Valença onde o dono, nada dado á esquerda, aínda fixo comento despectivo antes de cobrar; anos despois, unha asociación a el dedicada mantiña humilde local penso que aló pola Graça lisboeta. Xurdiu máis tarde algún recoñecemento, e pode que agora a cousa pille ou xa pillase algún xeito consistente en Portugal.

 

Canto a min, desde o 2001 hai pola casa un Xosé Alfonso; no 2002, visitando o Alentejo, quixen que as fillas estivesen e me oísen sobre Baleizão. Hai vinte e cinco anos que marchou, desde hai case corenta anda comigo.

Deixa unha resposta

Olark Livehelp