O DO GRUPO. Crónica persoal.

Podemos.

(De Praza Pública)

No verán pasado, xurdiu determinada convocatoria de agrupamento cara ao 25 de Xullo. O ton dalgúns convocantes acenaba de abondo a reconciliar os nacionalistas, pero a intención expresa era procurar unha confluencia electoral para decembro na que poderían participar todos os que aceptasen ámbito e obediencia galega das candidaturas. O caso é que a manifestación da Patria foi de amplo espectro, volveron concorrer á mesma moitos que se distanciaran no 2012 e acudiron figuras novas ben significativas, tal Yolanda Díaz. De a pouco, movíanse cousas no sentido dalgún tipo de converxencia electoral en dúas plataformas: unha, o Encontro por unha Marea Galega, baixo o motto Unidade Popular; outra, Banquete de Conxo 2.0 -convertido máis tarde en Iniciativa pola Unión-, incidindo nomeadamente no aspecto nacional. Dado o alto grao de compatibilidade, apareceu un ruxerruxe de confluencia entre ambas; en tal contexto, a IpU marcou como punto necesario e irrenunciable comprometerse a procurar un Grupo Parlamentario Galego e soberano se se acadaba un número de deputados suficiente.

Tal requisito estaba ben lonxe de ser unanimemente aceptado. Podemos non pasaba moito de ofrecer acubillo nas súas propias candidaturas ou unha especie de ‘grupos mixtos’, e o líder resultaba ben explícito ao respecto. Pero a cousa chegaba tamén aos seus socios de ámbito galego: o marco facebook, tamén algunha asemblea municipalista, rexistraban a descualificación implícita do Grupo Parlamentario como obxectivo aglutinante en voces por veces ben significativas de Anova; certa figura especialmente respectada chega a cualificar tal proposta preelectoral como elemento trivial de diversión. A todas luces, a alianza con Podemos primaba; no fondo, eu penso que posiblemente o definitivo pacto tripartito estaba en marcha, onde non concluído.

En realidade, pasou o verán con Podemos dándolle a varios paus tocante ao grupo parlamentario: ora Bescansa dicía que imposible, ora outros nun ‘depende’ que xa aludía a posibles problemas radicados no Regulamento e a(s) súa(s) posible(s) interpretación(s). A Iniciativa pola Unión, co BNG como núcleo máis activo, puntualizaba que unicamente unha candidatura con personalidade xurídica propia -probablemente concretada na composición dun partido instrumental- garantiría a constitución do Grupo se era alcanzado o resultado electoral preceptivo. Mediando setembro, aínda o facebook testemuñaba reticencias en Anova para establecer o Grupo como obxectivo e elemento de confluencia para unha candidatura de base cidadá apoiada en confluencia interpartidaria. Posiblemente foi a partir de aí cando o ambiente empezou a mudar. Motivos? Debo pensar nunha coincidencia, cando menos, de tres: quizá as enquisas de Podemos empezaban a mostrar que os números galegos podían dar, sen dúbida en Anova había sectores con propensión a esixir o Grupo como condición, seguramente o acordo tripartito estaría avanzadísimo se non -insisto- concluído. Engado unha circunstancia que me parece inequívoca: o Grupo Parlamentario Galego concitou importante apoio e expectativa en sectores do electorado imprescindibles e irrenunciables.

O caso é que ao cabo dun mes quedou confirmado: Errejón comunicaba o plácet de Podemos coincidindo temporalmente coa filtración, primeiro, e o anuncio, despois, da concertación entre eles, Anova e EU para unha candidatura conxunta, que requiría apoio cidadán pero desbotaba a celebración de primarias. O Grupo figuraba como argumento electoral especialmente mobilizador. Coñecemos o escrutinio final: triunfo para En Marea-Podemos, desastre para Nós-CG, marca establecida desde a IpU, e, xa que logo, tamén para o BNG. Entendo que na cuñaxe definitiva de ambas caras tivo papel concomitante a cuestión do Grupo na súa formulación definitiva. Sospeito que ambos resultados non deixarían de ser analizados como éxito, mesmo complementario, nalgún ámbito partidario ou plana maior.

O que veu, tamén é sabido. En Marea comparece na Carrera de San Jerónimo marcando o Grupo coma proxecto irrenunciable. Durou a cousa doce días. Ao cabo deles, e sobre o fondo dunha tirapuxa enmascarada arredor de repetir ou non as eleccións, parece que todos os membros de Podemos van estar nun grupo parlamentario que tamén incluirá os outros electos por En Marea, por En Comú e, pola contra, non os pertencentes a Compromís. Queda a dúbida sobre que sensación predominará en Podemos arestora, se a de lástima ou de obxectivo cumprido. Eles, probablemente tamén outros, ben sabían que con este artefacto podía a cousa acabar así.

A integración da candidatura galega no grupo de Podemos seica anuncia perfil propio e liberdade de voto. Está claro que non é o mesmo isto có outro, e a sospeita recae sobre unha hipótese de se será un amaño posible ou pílula contra decepcións e descontento. Engadamos o colofón de que quen tanto calculou, ao mellor ten tamén para isto planos de futuro. Como todo non deixa de ser, cando menos en parte, un espectáculo, temos tempo para ver. Catro anos, nada menos, se chegamos aló.

Comments are closed.