Anotacións do día seguinte

MM

Manuel María, Arcadio L. Casanova e Uxío Novoneyra

I

Hai certo número de anos, tralo pretexto de figura escasamente popular ou popularizable, inzaba a opinión de suprimir o Día das Letras. Vai unha xeira que xa menos. O protagonismo de figuras ‘alternativas’ -tal Bolaño e Pereiro- ou a empatía extensa de Álvarez Blázquez, Novoneyra e Paz Andrade seica farían silenciar un tanto o partido liquidatorio. Vinculemos ao devalo o quiñón de mérito que teñen esa loita sine die por Carvalho, que mantén bastante alzada a parte reintegracionista, e a xenreira suscitada o ano pasado por Filgueira: todo é peixe, trae vida. En fin, ninguén debeu hogano reiterar a proposta de gadaña, quedará todo pendente de remol.

En realidade, do ‘mundo da crítica’ ou o facebook especializado chega maiormente silencio igual de notorio ca certo fervedoiro no ghetto escolar e, parcialmente, algún outro ámbito social: aínda somos ben deles os que coñecemos o Manuel (é popular) e bastante da súa poesía resulta popularizable entre mozos ou pequechos; escribo tu nombre en las paredes de mi ciudad. Pero hai aquel calar distante e leo tamén algunha displicencia cuxa escasez expresiva terá seguramente o seu motivo. Eu ben sabía que a efusión sería maior onde a afección foi máis grande, e por aquí en efecto vexo glosada a poesía, aludido o teatro, recoñecido o papel político, divulgativo, monfortino. Xa chegamos: quen lle negue ou discuta transcendencia ao texto -non eu: Manuel María non é canónico, pero si indiscutiblemente sistémico-, igual podía aceptar explicitamente a formidable dimensión de propulsor que tan fácil volve buscar exemplo: sen el, a moderna canción galega carecería dun esteo; quizá Luis Ángel Sánchez non fose Lois Pereiro. Isto, señores, é Historia da Literatura. Materia destes días.

Noutrora, hai décadas, para o Día das Letras Galegas eu aceptara e promovera celebracións alternativas. O ano de Pintos, por exemplo, decidiramos dedicarllo a Cabanillas; no do Rei Sabio, non se aludira á súa maxestade trobadórica. A miña opción, neste momento, pasa por buscar o aspecto que xustifique a celebración dunha figura proposta: de momento vou atopando, e quedan anos. A nosa literatura é un feito nacional extraordinario, posiblemente construído contra a probabilidade. Por certo, Galicia Bilingüe decidiu non dedicarlle a festa a Manuel María.

II

Nos arredores da convocatoria para manifestar, A Mesa reitera o discurso dun presunto estado de extrema gravidade lingüística. Teño grande recoñecemento para o labor da institución e considero lóxico botar contas dun futuro difícil se non hai emenda política, social e individual. Pero para enfatizalo hai días mellores có 17 de maio. As palabras non son inocuas e hai tamén motivo para celebrar.

Comments are closed.