Camiños paralelos


marce

Fonte

Houbo algunha campaña electoral, hai máis ca anos, onde cheguei a concibir ilusión de mudanza gobernativa cara ao lado no que estaba eu: pasou nomeadamente na do 2001, onde Beiras fixera extraordinario esforzo -textual, prosódico, simbólico- para ser percibido como próximo pola maioría que fai gañar. Ora ben, chegando xa ao día de votar, vivín unha situación que me colocou no sitio autenticamente adecuado, o da realidade das cousas externas. Ía do traballo para a casa, pola Praza da Soidade en Lugo, e vexo dous homes, modo popular, paisanos non moi maiores, falando de pasada sobre o tema. E dille un ao outro: “Isto explicoucho moi ben fulano [coñecido mutuo ou así, talvez], esoutro día: ‘a estas eleccións preséntanse o burro do Touriño, o tolo do Beiras e, despois, don Manuel’; así é como che está a cousa”. Separábanse daquela eles, con riso renarte pero non demasiado. E a min caérame o ánimo, de onde estivera, cara a ben abaixo. Talvez o lector non lembre a noite electoral daquel ano, onde o líder nacionalista perdera notoriamente os papeis na comparecencia para explicarse cando quedara sen un deputado, fora igualado polo PSOE e Fraga tivera corenta e un. Estaba humillado, decepcionado, resentido: se viñese canda min uns días antes, pola Praza da Soidade, quizá aforrase o disgusto así de amargo.

Na década e media posterior, fun asumindo a sensación de que moita xente, principalmente nacionalista e de esquerda, vive politicamente en Galicia unha realidade paralela: non quero dicir fóra do mundo, senón discorrendo a carón do mainstream social que constitúe minoría maioritaria -e por veces maioría aritmética, máis ca electoral, absoluta- sen querer encontrarse con el. A xente que integra ese voluntariamente ignorado caudal non adoita ser máis mala, nin moito menos, cós outros, aínda que poida estar menos informada dos actos parlamentarios e asistir a menos obras de teatro: veñen sendo persoas que traballan cando poden, e non necesariamente pouco; pensan que a realidade non estará moi ben, pero podía estar peor e hai décadas estivo ben máis mal; que entre os que eles votan, e dos que ao mellor dependen, hai ladróns pero tamén noutros sitios; non teñen motivo suficiente para adquirir confianza maior en quen promete cousa diferente sen explicala ben nin como, e que ademais quizá non respecte debidamente costumes, apegos, formas que a estes, talvez nese aspecto unha notable maioría social, lles resultan valores apreciados. A lóxica que conduce de tal visión ou concepción do mundo -por veces, si, mantida contra gran evidencia e sen coherencia racional aparente- ata o voto recorrente ao partido dominador, produce aversión, frustración, encabuxamento entre nacionalistas, esquerdistas, simples distanciados do mainstream que discorren paralelamente a el pero requiren o seu apoio para gobernar. E de tales sentimentos negativos, a reacción de desmesura, enrabechada, pretensiosa… pero, ao tempo e dalgunha maneira, igualmente entrañable para quen a viviu ou asiste a ela, recorrentemente, de tan preto.

O chío emitido e borrado onte por Fernán Vello fíxome evocar a min mesmo, tronando nun bar porque as votacións do 77 déranlle ao BN-PG pouco máis de vinte e cinco mil votos en todo o país: certo é que eu tiña vinte e tres anos, ningún cargo de representación e aquilo non quedaba escrito e impreso, por máis que falei ben alto, e a propósito; os que escoitaban noutra parte do mostrador, calados, ao mellor no fondo me daban algunha razón, pero máis probablemente sentirían indiferenza ou desapego. O que se lle ocorreu puntualizar a Carolina Bescansa, tamén onte, non se distingue case nada -mudando suxeito político- do afirmado ou agoirado correntemente hai vinte anos, cando entre estudantes era símbolo corrente a estreleira -non sei se profundamente asimilado o seu sentido- e unha maioría do voto mozo caía no BNG. A fanfurriñada dun concelleiro esquerdista ferrolán en agosto quizá puido ser máis inxenua ca agresiva, pero o voceiro do PP encontrou domingo ocasión boa para descubrir imprudencia, contas da leiteira e outras miserias que non virán máis ao caso. Tan frutífero foi, para todo isto deu o día: para a imaxe da oposición política galega, se facemos caso, un desastre.

Dous días que van desde domingo, e é ben de ver como proliferou unha vez máis a topicidade clásica. Non resultará estraño, tendo en conta ademais a tipificación do medio difusor, encontrar igualmente cita literaria: seica resulta indispensable, xaora, o Díaz Castro; para algúns oportuna, igualmente, a pasaxe máis irredentista do Himno Nacional. Tocante a este, puntualizaría eu algo: pasaba Pondal, cando menos o poético, por rexo e fustrigante soñador que desde logo inspira unha indispensable enerxía mobilizadora. Pero quen queira dedicarse á política, máis en concreto gañar eleccións, debe procurar moito máis en Castelao o modelo: encomiar e identificarse nos innegables valores populares, voten o que voten, antes que declarar imbéciles e escuros un millón de persoas, ou setecentas mil que sexan. Non sei para vostedes, pero son o meu pobo.

One Response to “Camiños paralelos”

  1. balonga di:

    Concordo ben cos seus requintados razoamentos.
    Consideración merece tamén, que o mundo camiña cara a unións cada vez máis grandes e que as linguas minguan se non pertencen economías desenvolvidas. Ai non!.