VOLVER Á BRETAÑA. Domingo, 6 de novembro do 2016 (3)

Xantar a pé de rúa, abrigado, onda a Porta de Saint-Vincent


Na tarde temperá, coa choiva, parecían bater todos os aires no interior de Saint-Malo. Brest é o trono, na cidadela corsaria zorrega vento cando se envereda unha rúa tralo recanto, o mar cando toca que zorregue contra a praia do Sillon. Pode nevar ben. O nome vén dun fundador santo céltico, galés, pero o bretón seica desaparecería como lingua corrente na Alta Idade Media. Moita historia decorreu, ou xurdiu, neste porto e a poboación trala muralla que non deron tomado nin destruído ingleses ou holandeses e foi case o único restante tralos bombardeos do xeneral Middleton. Hai un sentido claro de diferenza e personalidade: a bandeira local é o máis alto na Casa do Concello; cítase un dito que viría do século XVI , “Nin francés nin bretón, son maluino”. Ou outra versión, ao mellor máis actual: “Maluino primeiro, bretón despois, francés se queda algo”. Turística ante todo, bastante da parte intramuros vese cheo na fin de semana e a poboación multiplica por catro no verán. Lera eu tamén que o recinto concentra máis creperías -non sei se en termos relativos- ca calquera outro lugar cando menos de Bretaña, ou sexa que quizá de todo o mundo exterior. Sic transit.

Comments are closed.