VOLVER Á BRETAÑA. Luns, 7 de novembro do 2016

O calvario de Sant-Tegoneg

Contrastando cunha historia próspera, patente en diversos recintos parroquiais, a chamada Montaña inclúe canda a Bretaña do Centro os territorios máis pobres do país, como tamén os máis bretonantes. Igualmente son os de imaxe e perfil electoral máis esquerdista, unha tradición que vén desde a Revolución Francesa e se manifestou na Resistencia con episodios de carácter diverso. Como xa foi aludida a deforestación na parte máis montesía, cómpre agora engadir un par ou tres detalles referentes: o punto máis alto de toda a Bretaña, Roc’h Ruz, sobe ata trescentos oitenta e cinco metros, que vén sendo sobre noventa por baixo da miña casa en Lugo. Declárase un metro menos para outros dous cumes: nun, Roc’h Trevezel, estivera eu hai ben anos, lembro a panorámica do Leon -terra máis rica e a que ten sona, traxectoria máis clerical- cos seus campanarios, entre os cales seica se distingue o Kreisker de Kastell Paol. Nun cuarto alto, Roc’h Tredudon, a loita armada nacionalista realizara o seu atentado máis mediático, no 1974. Houbo lobos na comarca, agora queda un museo e proxectos de repoboación. Deu todo, incluíndo a primeira de dúas camiñadas longas, para xornada de luns ben aproveitada.

P.S.: As historias de clericais e republicanos, brancos e vermellos, teñen o seu monumento literario, por máis que a historia estea situada preto da costa sur: o libro Marc’h al Lorc’h, de Pierre-Jakez Hélias, do que hai versión galega de Xosé María Proupín e deu para unha película de Claude Chabrol. Aquí pódese ler sobre el.

Comments are closed.