VOLVER Á BRETAÑA. Mércores, 9 de novembro do 2016 (1)

Que a historia e cultura espirituais na Bretaña dan para moito, pode ocorrérselle a quen simplemente lese a tal novela do galego que cando a publicou aínda non puxera alí os pés. Pero a cousa é realmente profunda, complexa, literaria e aínda sorprendente: verbi gratia, contábase que os santos evanxelizadores, ou algúns deles, chegaran ao país en barcas de pedra. Supoño que a referencia lles resulta familiar. Pois hai novidades: no ano 2000, o escultor Jean-Yves Menez fabricou unha barca de pedra gra que pesa trinta e cinco toneladas, e desde aquela xa foi á auga máis de dez veces. Está permanentemente onda a entrada da catedral de Dol, alí a viu un servidor no verán do 2014.

Á parte deses santos célticos dunha Idade Media remotísima, hai outras figuras sacras que concitan grande devoción. Ante todo, Santa Ana, presente en lendas e dalgún modo relacionada cunha deidade céltica, á que entre outras cousas lle son dedicados, a máis do maior santuario, a maior romaría. Hai tamén, entre outros, unha importante presenza do culto a Santez Barba (Sainte-Barbe en francés), nome que deu en topónimo pero tamén titular nun número importante de igrexas. Coma esta de Berrien, que leva sen teito bastantes anos, tras perdelo por efecto dun raio. Non deixa de ser curioso, é Santa Bárbara.

Comments are closed.