VOLVER Á BRETAÑA. Epílogo

Cousas. En plena vacación de Nadal, navegando por sitios de aló, encontro esta referencia. O caso: un teen drama en cinco capítulos, difundido a través do web desde hai pouco máis dun mes. A historia sitúase nun instituto, An Nor Digor, e está en bretón. É un mundo onde todos falan en bretón.

Os actores son moi maioritariamente mozos. Un que fai de profesor, é profesor fóra da pantalla e tamén un dos colegas que participan no noso intercambio. Xorden varias ideas: a independencia mental de proxectar un mundo sen diglosia semella imprescindible para buscar futuro; por causa diversa, sen Diwan resulta difícil imaxinar a existencia dun produto audiovisual coma este; a lingua segue furando, facendo sitio décadas despois de que a transmisión familiar quedase interrompida como fenómeno social.

An Nor Digor quere dicir ‘unha porta aberta’. O título da serie, C’hwi a gano, ‘vós cantaredes’. Remate definitivo para este caderno.

Comments are closed.