É fútbol, señores. Respiren

Miguel Anxo

Eu non me fixen do Barça, fixéronme: un estudante de Maxisterio que paraba na miña casa, comezando os anos sesenta. Por certo, el foi despois mestre franquista e alcalde na Terra Chá. A cousa era tan rechamante, non ser do Madrid, que algún dos maiores no barrio chamábame Kubaliña; ao ir para o instituto foi peor cos compañeiros, catalán e esoutras cousas. Ao pai pouca graza lle fixera que o mourádigo lle saíse polo equipo contrario, pero paréceme que non dixera nada maior nin houbo demasiada discusión ata décadas máis tarde, xa que meu irmán tiraou tamén polo mesmo lado. En paz estean, o Germán e mais meu pai.

Na primeira metade dos setenta cheguei ao nacionalismo galego e, daquela, no seo da diversa esquerda facer ver afección futboleira non era moi concorrente. En todo caso, apuntando determinada lóxica das cousas a optar por un equipo do país, o Celta levaba todas as papeletas: nome, orixe, simboloxía, o mesmo feito de que na miña cidade, malia haber unha Peña Deportivista, o de Vigo gañaba en adhesión por goleada, eu ben o herdara desde a mesma familia. Celebrei o éxito do outro club, pero fun do Celta, aínda son. O tempo trouxo aínda unha proximidade nova, terceira en diversos sentidos. Porque a primeira, de culer, nunca marchou nin houbo renuncia. A miúdo teño pensado que o esforzo de manter fidelidade en contorno hostil pode singularizar carácter; por outra banda, se cheguei á Nova Cançó, Lluís Llach e o que veu despois, non pouco do inicio motivador é debido ao F.C. Barcelona. É hoxe o día no que, cando xogan cun equipo galego, gañe quen gañe non hai que levar disgusto.

Tal é o mundo do fútbol: como dis que na guerra, no tal ambiente pode aflorar o mellor e o peor do ser humano, coa vantaxe de que hai menos mortos. Encóntrase nel política, pero resulta inexplicable en termos estritamente políticos.

Nos anos sesenta, dicía case no comezo, ser do Real Madrid constituía opción socialmente por defecto. “Representa a España”, dicían; quen sabe canta desafección a España puido vir por aí. Parecía o club que máis apoiaba o réxime franquista, aínda que o tema estea pendente de crítica histórica. En todo caso, certo discurso predominante pretendía facer tragar o Real Madrid de boas ou menos boas, e tal prepotencia aínda se fai sentir no día de hoxe. Consecuentemente xurdiu notable antipatía política por tal estandarte, e no meu ámbito nacionalista a hostilidade era de seu. Ora ben, xa naqueles setenta soubera eu que o seu porteiro e da selección española, ourensán, era galeguista: mesmo alguén me amosara unha tarxeta de visita, dicindo que era del, coa banda azul no fondo e os nomes de pía ben claros: Miguel Anxo. Despois souben igualmente que aqueloutro centrocampista salmantino e madridista, talentoso como poucos e polo tanto provedor de disgusto para nós, barcelonistas, viña de familia republicana; ben o vin apoiar o dereito dos xogadores cataláns a ter posición política, mesmo independentista, desde lugar e en momento inapelables. O fútbol, esa cousa que posiblemente non entenda moito quen non gusta nin quere interesarse. Imos dicir, insuficientemente: ese poliedro.

Acontece que estes días, en determinada rede social, xurdiu a especie de que ser nacionalista galego e simpatizar co Real Madrid constitúe contradición intolerable, digna seguramente de autocrítica, talvez igualmente de autoreeducación. A cousa podería non pasar de palabreo, ou tema de conversa, de non ser porque se fan insistentes en dirección a quen mantén sen problema ambas condicións. Vostedes verán se isto de agora se parece máis ou menos a aquilo de antes. No entanto, por se acaso e sen menoscabo do que quede relatado: viva o Club Deportivo Lugo. Como ascenda a Primeira, aí si que habemos ter un problema.

Comments are closed.