Dinastía

Ano 2007, na porta de Marivent

Tan certo como que Fraga ía camiño de morrer rehabilitado é que os de Borbón e Grecia o levaban ben. Declaración de parte: sempre pensei que a súa asesoría debía ser extraordinaria. O caso é que El Rei de España agora emérito conseguía que o seu nome fose case sinónimo de ‘campechanía’: corría sona non publicada de que lles daba á copa e a saia, pero tampouco non se consideraba novidade na dinastía; aínda por riba, como resulta do 23F no 1981, xurdiu lexión social de teoricamente republicanos convertidos a unha nova adhesión política denominada ‘juancarlismo’. A raíña grega, por ende, esa que nunca falaba quizá para agacharlle ao Reino o sotaque estranxeiro, semellaba portarse conforme era suposto: iniciativa benéfica, interese polo benestar da infancia, coidado da familia. Empezou logo o asunto de casar prole, e a cousa mellor pinta non podía ter. A maior emparentou no máis rancio avoengo de Castela A Vella. Coa segunda, dunha tacada, colócase pica en Cataluña e Euskadi mediante referencias probablemente inmellorables, La Caixa e o mundo do PNV. O pequeno, pero herdeiro, asunto profesionalmente máis delicado, escolle unha avezada comunicadora que parece ter talento por arrobas. Un non quere significar que o amor non tivese papel nos mencionados emparellamentos, pero cómpre repetilo: mellor pinta política, a cousa, dificilmente podería ter.

Ora ben, Fraga tivo o seu Prestige e na familia dinástica empezaron a revirarse. O do soriano non funcionou, a evocación mediática de rancia nobreza foise diluíndo entre rexouba por algún atuendo e un descendente -leva, entre outros, nome de santo lugués- con disposición máis ca turbulenta. Sobre El Rei aínda en exercicio empezou a correr especie dubidosa en relación co tejerazo, publicábanse indicios de gasto e nomes canto a propietarias de saia: a raíña grega, que xa falaba, comezou a mostrar claro distanciamento; a cousa chegou a extremo de non coñecermos a saúde actual do juancarlismo nin canto remanente queda da cousa no 23F.

Que aquel rei dese relevo con rapidez foi posiblemente indicio de que nin a asesoría externa nin o propio instinto de conservación deberan perder reflexo ou demasiadas facultades. Pero velaí que o andazo chegara ao outro par, o da filla dis que favorita ou meniña dos ollos de seu pai: coa peor maneira no peor momento, presunta corrupción por abuso de influencia en plena crise económica e reaxustamento do sistema partidario debido a unha sensación de obsolescencia e alto nivel de indignación social. Era xa máis ca dubidosa a incidencia real do enlace nas dúas nacións levantiscas, e na familia institucional a enchente do río acada nivel máximo, con dúas parellas humanamente aínda en pé: unha en exercicio delicado de profesionalidade e papel de momento non substancialmente discutido; outra que, se a aparencia non engana, parece ir afrontar presente duro e igual acaban tendo un futuro persoal tranquilo.

No rocho correspondente aínda queda unha botella do viño de postre que seica prefería o monarca agora emérito: adquirín unhas poucas o ano olímpico de Barcelona na adega de orixe, radicada na vila onde naceu Azorín. Reinaban daquela a ‘campechanía’ e o éxito social. Estou pensando en deixala para abrir cando o viño chegue aos cincuenta anos, quedan tres, e non fago idea de cal será no 2020 o estado ou sona daqueloutro admirador degustador. Tempus fugit, realmente, e a vida dá ben voltas.

Comments are closed.