RAGú

En certo contexto redesociálico, ocorréraseme aí atrás suxerir que un poeta debía estar na academia. E houbo certa aceptación tertulística, pero o aludido xurdiu para desbotarse explicitamente. Ora ben, propuxo asemade algúns criterios de conveniencia para integrar a corporación e deles reteño un: que haxa representantes de todas as tendencias ortográficas para escribir galego.

O declarante é tamén profesor universitario e filólogo de vulto, pero aí falaba sen dúbida como poeta: condición das máis grandiosas na historia e cultura nacionais, integrada por seres tan respectados cando pasan á outra vida coma ignorados cando exercen nesta o seu deber de imaxinar, proxectar ou propoñer. Considérense, lectores, implementando a ben razoable posibilidade exposta ao final do parágrafo anterior: quizais, mesmo probablemente, en Tabernas 11 habería numerarios con propensión á entrada de reintegracionistas; entre estes, colixo que nada ou case nada. Eles aspiran, aberta e sen dúbida lexitimamente, a tomar o poder todo -conceptual, simbólico, normativo- no prazo que sexa. En tal sentido xogan e establecen pauta, instrumento ou vazas: academia propia, Estraviz, CPLP. O dicionario en liña dis que máis nutrido de palabras, ferramenta ben útil para iniciados moi interesados que eu non recomendo ao común dos alumnos por desorientativa. No principal ámbito político da lusofonía quixeron ser observador galego consultivo. A institución lingüística que conformaron (léase, coa ortografía de aquí, *academía) suxire, entendo, que ela xa ten, de seu, ese sentido. Tabernas 11, presumiblemente, non lles interesa: unicamente, en todo caso, a particulares con intención habitual e agresiva de francotirador.

En realidade, contra a Academia sobra quen dispare. Somos o país onde unha parte non escasa de quen o reivindica se ten dedicado con fruición a minar as relativamente fráxiles institucións que o galeguismo histórico fundara ou promovera con non pouco traballiño. Parlamentiño. RAG, sobrante. Aos meus coñecidos bretóns non lles conto nada disto, porque faltaría cunca para tanto ollo: “ils sont fous, ces galiciens”. A así chamada esquerda galega, mesmo ‘independentista’, quizá preserve arestora o maior remanente dunha institución socioeconómica bastante minimizada no corpo xeral do país, o minifundio. Do que hai sobranza, aquí, é de incondicionais do derrubamento en vez de restauración: ao final, vai resultar que esa esquerda tan receosa do común da xente porque os vota pouco se parece a eles ou elas mesmo de máis.

En fin. Houbo estes días remuda na Academia e pouco barullo provocou, pero volvín ler sobre a teoría dos campos aplicada a cousa numericamente tan escasa coma o estamento cultural do país ou a mesma entidade cardinal corporativa. Vexo, mutatis mutandis, que no Pleno habería os galaxios, os do ILG e maila fronte cultural do BNG; quedaría xaora outra parte ou sombra que ninguén cataloga terminantemente e, menos ca ninguén, eles mesmos: é habitual que certos grupos non se autocaractericen cando se pretenden, en realidade, liña correcta ou xermolo do común. E eu, señores, pérdome. Xa que logo, din na operación mental de figurar os académicos aos que lles debo, persoalmente, gratitude por maxisterio e tratar de situalos. A quen me guiou para pasos incipientes no mundo da literatura, non o dou colocado en absoluto; quen na lingüística xeral, ese si: a sigla ILG parece pensada para el; ora que tamén colocaría eu por aí o meu iniciador na lingüística románica e resulta que seica non, novas xa non moi recentes colocábano onda os críticos sen nome nin catálogo; canto a quen me aprendera o que cheguei a saber de xornalismo, a incógnita é notable: será estimada quizá bloquista, ou sexa, nese ámbito do que ambos sairamos propulsados xa onde vai e sen camiño aparente de retorno explícito?

É como para afondar no extravío, pero a cousa non chega tan lonxe desde logo. No fondo -ademais da manobra política algunha vez de galiñeiro-, vén tanto desa querenza tremenda polo debate coma do histórico ou etnográfico mal dicir galaico. Apunto na sección primeira determinado diálogo sobre a conveniencia de haber na Academia xente máis nova: eu non me opoño a iso, pero si a ningún tipo de cotas; resultan imprescindibles contacto e apertura, indesexable a postergación do mérito. Na segunda, sátira diversa por hábitos ou carácter de académicos, tamén algunha imputación -nunca aclarada por instancia nin parte ningunha- sobre nepotismos ilustrados. Señores, o panorama redesocial sobre tal tema faille honra ao carácter de ensalada que en xeral presenta o medio. Ou quizá guiso non demasiado equilibrado.

O caso é tamén que, malia adversarios ou intemperantes, a institución non mostra síntoma de ruína. Algún di que socialmente non existe, pero cando un concello ou asociación concibe candidato propio, falta tempo para demandar que se lle dedique un Día e Ano das Letras Galegas. O papel xeral actual, iso si, é máis de símbolo ca de axente: chegue un goberno galego que lle dea orzamento operativo, poderemos aspirar a outro tipo de factualidades. Ou, daquela si, esixir contas.

Comments are closed.