Abans, després, ara

Fonte

De vez en cando, cando ocorren feitos similares pero non só, damos en falar no ámbito próximo sobre lugares e posibilidades. Antonte volveu tocar a Praza do Obradoiro: sitio, ben saben, de particular simbolismo unicamente comparable á Piazza San Pietro ou Belén e Xerusalén. Dicía eu que embalar un coche pola rúa de San Francisco chegando desde a avenida de Xoán XXIII parece unicamente evitable colocando algún tipo de barreira parcial que estorbaría o tránsito peonil ou a oferta de chocolate a pé de rúa, pero tamén sen dúbida a chegada deste tipo de ameaza. Ominosa conversa? É que estamos en guerra, señores, e cómpre facer compatible tal sentido das cousas co traballo ou o lecer, incluíndo camiño, festa e vacación. A vida non é soño lisérxico nin caleidoscópico.

En tal ámbito virtual de obxectivos para o terrorismo automobilístico, as Rambles barcelonines resultaban tan plausibles coma un Weihnachtsmarkt en Berlin ou a Promenade des Anglais niçarda. Coma outras decenas de grandes espazos europeos tal Port-Aventura, a carón de Cambrils, unha das posibles visitas ideadas para a nosa frustrada viaxe destes días. Debemos pensar, indicios por aí adiante temos visto, que existen estudos preventivos para cada caso e talvez estea en curso a elaboración dalgún protocolo global. Pero o escenario probablemente mudará: xa foi con avións, agora usan automóbiles, dentro de nada virá distinto modelo, diferente medio, outro portador quizais xa directa ou exclusivamente humano.

Seguir coa nosa forma de vida, traballo, relación, festa ou lecer. Evitar a criminalización de amplos colectivos definidos pola confesión, a cultura ou a orixe nacional. Tamén ser conscientes do que hai, directa e persoalmente conscientes: o máis lóxico é pensar que en Lugo ben pode estar algún deles, dos inimigos adestrados, e seguramente hai algún caldo de cultivo ideolóxico; onde pon Lugo, substitúa cadaquén polo topónimo máis próximo.

A lectura política do de antonte resulta inevitable e necesaria. Resulta obvio que a administración catalá, ao cargo da situación, funcionou e funciona con razoable eficacia: goberno nacional, municipal, policía; a orientación e mensaxe nas comparecencias parece impecable. Claro é tamén que o goberno español se trasladou a Barcelona pero ignoramos que cometido específico estará desempeñando alén de seguir a situación e recibir a chamada de gobernantes internacionais. Unha e outra instancia nacional levan de momento decursos paralelos con aparentemente escasa converxencia fóra da foto de onte ao mediodía na Plaça de Catalunya e a posterior reunión, como por outra banda resulta lóxico tendo en conta o proceso global en curso. Dúas boas noticias ao respecto: non se contrapoñen nin parecen entorpecerse; o operativo catalán funciona.

P.S. Si, sabemos que no mundo árabe e islámico hai motivos de agravio con Europa. Si, seguramente o salafismo recibe importante apoio saudí e ‘Occidente’ pode, debe facer algo contundente ao respecto. Si, et caetera. Pero os cidadáns e viandantes de Europa que son obxecto de ataques e ameaza arestora, un arestora moito máis presente e inminente cás análises xeopolíticas, deben ver que os gobernos de elección democrática fan algo así mesmo ao respecto, antes de que decidan ir poñendo cada vez máis eses gobernos, tamén por elección, en mans que serán inequivocamente contundentes e talvez decrecentemente democráticas. A actuación tería que ser acó e aló, preventiva e resolutiva. Alguén pensa que Gandhi podería gañar esta guerra?

Comments are closed.