VOLVER Á BRETAÑA. Domingo, 6 de novembro do 2016 (2)

Xaneiro 6th, 2017

A baía, desde o Monte

En case todas as viaxes, con tal de un achegarse a Saint-Malo ou veciñanza, houbo algún pretexto para achegarse ata aquí. Tal actividade escolar, un ou unha acompañante que nunca estivera… Diverso é o motivo para sempre volver, pero o ocular terá probable preeminencia. Está igualmente a visita da abadía, quizá asistir á misa cantada na igrexa abacial. O espectáculo na Mère Poulard ou a súa plural oferta gastronómica. Pasear na baía, cun experto por culpa das areas movedizas. O Monte, ben se entende, foi de vello motivo de disputa entre Bretaña e Normandía pola súa posesión. Como a fronteira é o río Couesnon, e os movementos deste deixan habitualmente o lugar no lado oriental, hai un vello dito bretón ben coñecido aínda: “Le Couesnon a fait folie, ci est le Mont en Normandie”. Voilà.

VOLVER Á BRETAÑA. Domingo, 6 de novembro do 2016 (I)

Xaneiro 6th, 2017

Dinan. Place des Cordeliers

“Entre toutes les places qui sont à Dinant, celle de la Croix-des-Cordeliers est la plus considérable, à cause que les maisons qui l’environnent sont très bien bâties et soutenues d’arcades, sous lesquelles on peut se mettre à l’abri du mauvais temps; le grand hôpital mérite bien qu’on le visite; il est proche le vieux marché, comme aussi l’église paroissiale et cathédrale de Saint-Malo, ornée d’une haute tour qui est dans la plus grande rue de Dinant, qui finit à la porte de l’hostellerie, entre deux hautes tours qui servent de prisons de ville”.


(Albert Jouvin de Rochefort,
Le voyageur d’Europe…, 1672)

VOLVER Á BRETAÑA. Sábado, 5 de novembro do 2016 (II)

Xaneiro 5th, 2017

Brest. Rue de Siam

“Sucio, con barba de dous días, co meu impermeable negro e o sombreiro para a choiva, sucio, saio de alí e subo rúas negras, vadeando, buscando, como calquera americano en dificultades, mozo ou vello, a rúa principal. Recoñézoa decontado, é a rúa de Siam, chamada así na honra do rei de Siam cando veu a esta cidade; unha visita aborrecida e sinistra, ela tamén; e sen dúbida marchou, o antes posible, para recuperar os seus canarios tropicais, porque os novos parapetos da cachotaría de Colbert non poden facer entrar a menor esperanza no corazón dun budista”.


(Jack Kerouac,
Satori in Paris, 1966).

VOLVER Á BRETAÑA. Sábado, 5 de novembro do 2016. (I)

Xaneiro 4th, 2017

Lokorn. Plasenn an Iliz

“Son residencias de gran estilo, algunhas tratadas con gusto ao modo do Renamecento. Por moi desprovistas que estean do antigo esplendor, aínda teñen aspecto orgulloso, gardan aínda na súa decadencia un aire de nobreza e de solemnidade, comunícanlle ao humilde burgo un aquel de maxistral que impón”.


(Anatole le Braz, “Troménie de saint Ronan”, 1894).

VOLVER Á BRETAÑA. Venres, 4 de novembro do 2016

Xaneiro 3rd, 2017

Praza do Concello. Karaez-Plougêr

O concello de Karaez recibiu oficialmente os integrantes do encontro Lise Diwan-IES “Xoán Montes”. Discursos en bretón, interpretación consecutiva en galego a partir dunha versión francesa fornecida en papel. Regaláronnos un libro sobre as Vieilles Charrues, nós a eles unha bandeira galega.

VOLVER Á BRETAÑA. E brezhoneg. Daou

Xaneiro 2nd, 2017

En Karaez-Plougêr, é visible a rotulación bilingüe no comercio.

Pregúntolle ao Alan: “Hai diferenza, no Lise Diwan, entre os alumnos da Baixa Bretaña e os da Alta canto á calidade da lingua? Dime: “Non. O certo é que estes rapaces unicamente empregan o bretón no instituto. En todo caso, os que máis punto lle poñen a falar mellor son os de Vannes [Gwened]”.

Alta Bretaña (o leste) e Baixa Bretaña (o oeste) son demarcacións cuxa base fundamental era lingüística: aquela románica, esta céltica. A extensión respectiva foi mudando ao longo da historia, co bretón recuando territorialmente xa desde a Idade Media. Arestora a distinción segue existindo, pero ten máis ben que ver cunha tradición e simbolismo realmente potentes en sentido sociopolítico, ultimamente con relevo así mesmo económico. Canto ao estritamente idiomático, a presenza maior do bretón dáse na toponimia occidental, sinaléctica urbana, interurbana e puntual tamén máis ben no oeste. Hai certo uso na antroponimia e un asociacionismo social ou cultural favorable máis ou menos, limitado pola opacidade lingüística para os só francófonos. Moi escasa presenza mediática, en parte polo mesmo. Os profesionais de Diwan comunícanse en bretón entre eles, arreo, e unha súa asemblea interna -quedaban niso, xoves pasado, os aproximadamente cento cincuenta profesores de toda a rede- mesmo pode ser acto público único e insólito, por britófono. Transmisión familiar?: parece que fabas bastante contadas en todo o territorio, oriente ou occidente.

E así e todo… Non se quere dar a lingua por morta, aínda está o capador riba da cocha. Penn-ar-Bed, Finistère, o departamento máis occidental, aparece especialmente dinámico en iniciativa: e xa non é só que a administración dun alcalde -tal Christian Troadec– potencie de maneira particular a emerxencia bilingüe mesmo en rótulos comerciais ou de servizo privado nunha vila media coma Karaez-Plougêr, nin o asunto se limita a ámbitos culturais focalizados. Haberá un mes, o ben mediático pianista Yann Tiersen comparecía presentando en bretón o seu concerto de Nantes -“Ne vous inquiétez pas, je vais tout traduire…”, e traducía en efecto, ao francés e ao inglés-, tras pasar seis meses aprendendo a lingua entre os seus corenta e cinco e corenta e seis anos. De Jean Marc-Roué, corenta e oito, dise que fala bretón na súa explotación agraria do Leon e aínda bota algunhas palabras no ámbito empresarial da Britanny Ferries, onde é presidente. O equipo de rugby -profesional- de Gwened non só enfatiza símbolos identitarios no logotipo e presentacións, en bretón son proferidas as combinacións cando xoga este club de composición multinacional. Diwan segue a medrar de a pouco, para o 2019 está previsto abrir o segundo instituto de bacharelato no Morbihan. Anécdotas? Vida.

Completa Alan -trinta e un anos, biólogo, profesor- a información sobre os seus alumnos indicando que, des que marchan para estudar ou vivir nas cidades, buscan xuntarse porque lles falta falar bretón. Tras facer unha introdución á Historia do seu país, dixéralles aos nosos: “Coidade a vosa lingua. Así, non teredes que esforzarvos para recuperala”.

VOLVER Á BRETAÑA. Todos os tempos

Xaneiro 1st, 2017

Lokorn

MOMENTO UN. As orixes
Lokorn, o seu contorno, testemuñan ocupación humana de tempo prehistórico. Foi encrucillada en época romana, seica lugar druídico. San Ronán, que viñera de Irlanda, cristianizou no século V. Ora que na actual Tromenía (Tro minihi, ‘volta monástica’ ou ‘do santo’), gran procesión circular celebrada en xullo cada seis anos, pode haber vestixios cerimoniais célticos. O lugar suxire un algo, non se sabe ben se de historia ancestral ou quizá ilustración de conto que un lle leron de neno. Nas guías, busquen ‘Locronan’.

O lugar monástico de Landevenneg fundouno o santo Guenolé tamén no século V. A abadía foi destruída polos vikingos no X e, reconstruída sucesivamente, chegou ata a Revolución Francesa. Alto lugar de cultura primeiro de regra céltica, despois bieita, do seu scriptorium saíu produción brillante, con Idade de Ouro na novena centuria. Arestora visítase, ten museo, salas e alí os nosos alumnos participaron nun obradoiro de escrita medieval. Coma en Cîteaux, hai unha abadía nova, cun importante fondo bibliográfico na súa biblioteca: desde o 1958.

MOMENTO DOUS. Prosperidade económica
A miúdo abraia, por inesperada, a riqueza e brillantez artística de igrexas e recintos parroquiais en lugares actualmente situados fóra de toda ruta con relevo económico. Sant-Tegoneg, Gwimilio, Lokorn. Lambaol-Gwimilio, Sizun. Quen vai a Bretaña a partir de xeneralidades a miúdo queda sorprendido, e máis sería de saber que a orixe de tanto esplendor é bastante común á dadeforestación visible, case absoluta, en partes do que aló chaman ‘a montaña’: trala incorporación efectiva ao reino de Francia, a estabilidade post-bélica fixo desenvolver unha industria de transformación dos produtos naturais (liño, cáñamo) en teas con destino sobre todo á fabricación de velas de barco. Era a Idade Moderna, de aí que florezan formas renacentistas e barrocas. Adoita citarse, como particularmente impoñente, o recinto de Pleiben.

MOMENTO TRES. A gran cidade do oeste
Un vai a Brest, xa se dixo noutra parte, sen buscar demasiada arte ou cultura ancestral. Un vai a Brest con motivo militar, de marcha ou, aseguro, para procurar un libro difícil de buscar noutra parte. Non desmente a cidade a súa historia de ruína reconstruída, pero hainos que gustamos de ir aló por limpa de ambiente e cómoda para transitar. É aberta, semellante a Ferrol, aínda que a dobre en poboación, en conceptos de relevo. Desta volta, había novidade: un teleférico de Siam aos Capuchinos.

VOLVER Á BRETAÑA. Territorio ocupado

Decembro 31st, 2016

Saint-Pol Roux era un poeta famoso. Comezando o século XX, na estrema occidental da Bretaña, comprou a casa dun mariñeiro e transformouna en pazo onde podía dedicarse á poesía. Acabaron chamándolle Manoir de Coecilian, era nun punto dominando a enseada de Penn Had, onda o camiño a pé de cantil que vén desde Kameled (‘Camaret’) cara á punta de Penn Hir. Alí se instalaron, alí recibía visita de amigos coma Jean Moulin. Chegou a ocupación alemá, e esta costa foi altamente militarizada. Nunha noite do 1940, un soldado entrou na vivenda, matou a criada e feriu a filla do escritor. Ela e o pai marcharon, xa que tiña que ser hospitalizada en Brest. Cando Saint-Pol Roux volveu, a casa fora saqueada e os seus manuscritos estragados ou queimados.

O poeta morreu, de tristeza, no outono daquel ano. O pazo foi ocupado por un Estado Maior alemán, bombardeado pola aviación británica no 1944. Nunca se reconstruíu.

(Historia reconstruída a partir do relato oral, in situ, de Alan Kloareg).

VOLVER Á BRETAÑA. E brezhoneg. Unan

Decembro 30th, 2016


Sant-Tegoneg. En letras grandes, “Mortos polo país”

O Tangi ten menos de trinta anos. Tras escoitalo falar en bretón co pai, pregúntolle pola idade deste: di unha cifra preto dos sesenta. “E como aprendeu a lingua?”: con amigos da familia. Ora ben, Tangi non a aprendeu con el, na casa, porque súa nai non é bretonante: resulta curioso, este mozo habituouse ao idioma con amigos ou compañeiros da nai, antes de escolarizarse en Diwan e acabar sendo o que é, profesor de Física no instituto anfitrión noso. O seu lugar de orixe é Brasparzh (‘Brasparts’ en francés), montesío, rural pero con poucos labregos, quizá algo máis de mil poboadores en todo o concello.

Pai e nai son tamén de Penn-ar-Bed, ou Finistère, ela do Bro-Leon (ao norte), el do Bro-Gernev (‘Cornouaille’, ao sur). Penn-ar-Bed era considerado o departamento máis bretonante, por ser o único que forma parte íntegra da Baixa Bretaña. En termos relativos, seica agora pouco do seu territorio está nos lados onde o idioma conserva máis vitalidade popular. Esta concéntrase na chamada Bretaña do Centro e o Bro-Dreger (‘Trégor’, en francés): di o Tangi que aí o ten sorprendido escoitar algún varón con pouco máis da trintena a comunicarse en bretón, e coñece alguén de Lannuon que aprendeu a lingua polos pais; dou fe eu tamén: un de alí que eu coñecín en Lugo -aínda non sesenta anos hai catro, condutor de autobús-, tamén o sabía por escoitárllelo aos pais. Completemos dicindo que Lannuon (oficialmente, ‘Lannion’) ten sobre vinte mil habitantes, aeroporto e é veciña dalgunha praia ben turística.

A gran depresión lingüística, o abandono da transmisión vehicular, veu trala Segunda Gran Guerra, logo dun longo período de desprestixio, con prohibición explícita a partir da Revolución Francesa e baseada no seu proxecto político-ideolóxico. O monumento aos mortos colocado, segundo costume, onda a igrexa de Sant-Tegoneg (‘Saint-Thégonnec’) dá indicio cronolóxico da creba: presidido e concluído na lingua do país no 1920, con camiño de trescentos nomes gravados a ambos lados da pedra -por diante e por tras-, correspondentes a mortos na guerra entre o 14 e o 18; as placas laterais, moito menos profusas e referidas ao 39-45, Marrocos e Indochina, están xa en francés. A avoa materna do Tangi era bretonante, aprendera nada menos ca nos suburbios de Paris contra a metade do século XX, nun ámbito onde as familias falaban portugués, árabe, bretón e outros idiomas segundo orixe: sobre a súa filla, nada de volta no país, xa quedou dito. Estímase que saberán saberán falar bretón actualmente unhas duascentas mil persoas. A grande maioría daqueles aos que llelo falaron na casa, desde o berce, calculo eu que debe sobordar os setenta anos, cando menos.

A situación lingüística da Bretaña, potencial e factual, pouco ten que ver coa de Galicia. Eles ben o saben, e ben que o debiamos saber nós.

VOLVER Á BRETAÑA. Semellanza

Decembro 28th, 2016

 

Río Aon, por Lokmaria-Berrien.

Ora que igual podía ir dar ao Miño.

Primeiro enfatizamos o parecidos que eramos: eles teñen gaitas, nós tamén; aquí hai toxo, aló tamén; comemos filloas, tamén eles. Despois veu a etapa que podemos chamar ‘materialismo escéptico’: todo iso era produto dunha idealización politicamente interesada. Ora ben, quen vaia verbi gratia de Karaez a Berrien pode figurar nalgún momento o percorrido de Lugo a Castroverde: en bastante momento, diría eu, non sendo se aparece unha casa con dúas chemineas ou certo cruzamento de camiño que leva a algún lugar cuxo nome empeza por Tre-, por Ker-, por Plou-. E se aquela muller semella demasiado branca de cara e clara de pelo para dar en confusión, quizá a aqueloutro poderías preguntarlle como lle foi no San Froilán. Menez-Mikael-an-Are, por ende, aínda algo dá para evocar o Faro de Chantada, malia estar aquela capeliña lousada, tellada a galega e despoboado o monte bretón trala deforestación pasada ben fose para explotación gandeira, aproveitamento agrícola ou con destino a facer barcos.

Non pensen que somos, ademais, totalmente descoñecidos. Ou que determinada imaxe fonética da nosa fala os leva a evocar charangas e pandeiretas. Máis dunha vez, ao precisarmos, remarcaron exacta ou aproximadamente: “Ah, vous êtes galicien?”. Ninguén espere que tal cousa me pareza mal, ou que se vaia tomar con máis escepticismo có que vostedes poidan xulgar imprescindible.